07/07/2013

Eu digo xeróglifo, ti dis «rebus»


O pasatempo que nos chamamos xeróglifo é coñecido noutras latitudes como rebus. Xa sabedes, esa especie de adiviña gráfica na que se representa, por medio de imaxes, palabras, letras ou números, unha frase que cómpre descifrar. 

No fantástico blog O Breve Verbo dei coa imaxe que encabeza a entrada: un dos primeiros rebus en lingua portuguesa, publicado na revista brasileira O Malho en 1903. A súa solución é: «O mundo é grande e rodeado de misérias» [o, mundo, e grande, e rodeado de miserias].

Seica os primeiros rebus apareceron na Picardia francesa durante o século XVI. Alí había o costume de acompañar os almanaques con sátiras ilustradas a xeito de xeróglifo sobre temas de actualidade. Estás sátiras, en latín, eran chamadas DE REBUS QUAE GERUNTUR, é dicir, «a propósito das cousas que pasan». Desde entón, este xogo icónico-verbal foi evolucionando e espallándose por todo o mundo.

Aquí vos deixo outros dous rebus da revista O Malho, onde recibían o nome de «Enigmas pittorescos». Quen se anima a descifralos? En próximas entradas, a solución.



Como xa vimos na nosa gramática xeroglífica, o máis divertido é, sen dúbida, poñer en marcha toda a nosa creatividade para crear estes pasatempos; con todo, aquí deixo a ligazón de dous xeradores automáticos de rebus, un en francés e outro en inglés.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...