6 de feb. de 2016

Unha fantástica máquina expendedora

 

Hai anos, de viaxe por Noruega, quedei sorprendido ao ver polas rúas de Bergen máquinas expendedoras de paraugas. Con todo, máis alá da novidade daquel artefacto, o que non deixaba de me dar voltas na cabeciña era unha cuestión: Como demo nunca tal vira en Compostela? Ou na Coruña? Ou en Vigo? Mesmo hoxe, uns cantos anos despois, aínda me sigo a facer esa pregunta.

O certo é que, cunha pequena andaina pola arañeira, calquera pode descubrir o asombroso e vasto universo destes aparellos de venda polo miúdo: flores, roupa interior, centolas vivas, coches smart...

A medalla de ouro dos dispensadores insólitos corresponde, na miña opinión, ás máquinas que desde hai uns meses se poden atopar en Grenoble, a capital dos Alpes franceses. Vía papelenblanco, souben que en certos espazos públicos desta cidade onde é obrigado esperar (oficina de turismo, paradas de autobús...) foron situados dispensadores de... microrrelatos! E do mellor modo posible: de balde!

Neses intres de espera, en lugar de botar man ao móbil, de xeito automático e case patolóxico, con estoutros aparellos é posible premer un simple botón e gozar duns minutos de boa lectura. Corrixo, realmente son tres botóns, segundo o tempo de lectura que che preste: 1, 3 ou 5 minutos. De teres máis tempo, podes ler historias sen parar. O formato é unha tira de papel continuo de 8 cm de ancho e de longo variable en función dos minutos. Os textos son orixinais achegados pola comunidade de editores e autores de Short Edition, a pequena empresa emerxente local na que se ideou o proxecto. Unha iniciativa fantástica que se fixo posible grazas tamén á colaboración de Eric Piolle, alcalde de Grenoble do partido ecoloxista.


Se cadra, en calquera momento, ao dobrar unha rúa, petarei cun destes artefactos e premendo sen máis un botón poderei ler algunha pequena xoia de Raymond Carver, Alexander Solyenitzin, Haruki Murakami, Augusto Monterroso, Jorge L. Borges, Suso de Toro, Sechu Sende...

Ou, se cadra, darei cun espendedor de paraugas. Quen sabe?!

Aquí tes a nova toda explicadiña... en francés. 


2 comentarios:

A Churrusqueira dixo...

Pois eu hai tempo que tiven unha idea para unha máquina expendedora que penso que tería éxito: un punto de venda de roupa interior nos hospitais, para que as visitas non tivesen que ir ás casas ou ás tendas mercar mudas para os doentes ingresados.

Carlos L. Medrano dixo...

Que grande idea, compañeira! E haberá por aí un socio/a investidor que axude a montar o negocio? ;-)

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...