29/07/2016

«Inserir Palabras»

 

Segundo informou a prensa, unha odontóloga xubilada de 91 anos estaba hai uns días cun grupo da terceira idade visitando o Neues Museum de Nuremberg (Alemaña), cando quedou intrigada cunha obra do artista Arthur Köpcke. Tratábase de «Reading-work-piece», de 1965, unha colaxe que combina distintos elementos, entre eles un encrucillado sobre o que se podía ler «Inserir Palabras».

21 horizontal: ‘A palabra muro en inglés’. «Esta seina», debeu pensar a anciá. Colleu un bolígrafo negro do seu bolso e escribiu: W-A-L-L. Foise animando e pouco a pouco encheu os ocos de boa parte do pasatempo. Ata que os vixiantes do museo decidiron parala.

 

Hoxe a obra, valorada en 80.000 euros, seica está nas mans dun restaurador e a dirección do museo acabou dando parte á policía local. «Vímonos na obriga de informar sobre o incidente ás autoridades, porque así o esixe o seguro», conta Eva Martin, voceira do museo alemán.

Non podo deixar de imaxinarme a Arthur Köpcke (1928-1977) remexéndose na súa sepultura e maldicindo unha e outra vez: «Condenados babecos! Por fin alguén entendeu a miña obra e decidiu interactuar!»

Ata setembro!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...