25 de xul. de 2016

Os fíos da vida


No outono do 2005, Agustín Fernández Paz andaba a últimar o seu libro O Raio Veloz (2006). Nesta obra teñen unha presenza especial os xogos de enxeño e de palabras. No capítulo 2, por exemplo, aparecen unhas adiviñas populares tiradas do clásico ¿Qué cousa é cousa...? Libro das adiviñas (1985), de Paco Martín. No capítulo final, Adrián, o protagonista, recibe unhas misteriosas mensaxes anónimas en forma de xeróglifo. Unha tarde, Agustín telefonoume: precisaba da miña colaboración para deseñar esas crípticas mensaxes. Para min foi unha honra e un pracer. Sen desvelar o enredo que encerra, aquí deixo o pasatempo que preparei seguindo as súas orientacións.


Eu coñecera persoalmente a Agustín aló polo 1993, nun curso de formación de profesores. Foi un privilexio poder compartir aquelas horas de intensa aprendizaxe con alguén da súa experiencia e da súa valía. Ao finalizar a derradeira das sesións achegueime a el para lle entregar un orixinal que acababa de rematar, un modesto traballo centrado no enfoque lúdico da didáctica da lingua. Agustín, amable e xeneroso, recolleu aqueles folios co compromiso de lelos e de darme a súa valoración. Seu dito, seu feito: ás poucas semanas, por correo, recibín de volta o material e a súa resposta. Dicíame que compartira a lectura con Paco Martín e animábame a buscar unha editora. A súa primeira recomendación, un novo selo galego que estaba a dar os primeiros pasos: Rodeira.

As casualidades fixeron que esa obra se publicase finalmente en Xerais: Xogos de lingua. Técnicas de comunicación oral e escrita (1994). E as casualidades fixeron tamén que só un ano despois me incorporase á editorial Rodeira.

Cando tempo despois comecei a traballar no Fogar de Santa Margarida, souben do paso polo centro de xente como Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo ou Xavier Senín, profesores mozos que, aló polos anos 70, participaran en cursos de intensa innovación pedagóxica inspirada nas ideas de Helen Parkhurst e no seu Plan Dalton. En varias ocasións temos gozado no Fogar da presenza de Agustín cando, no seu paso pola Coruña, se achegaba para saudar os vellos amigos.

Así, de cando en cando, os «fíos da vida» foron entrelazando, por sorte para min, os nosos camiños. Xa non poderei agradecerlle persoalmente as palabras xenerosas que ás veces dedicaba en Twitter a este recuncho de Xogosdelingua. Tan só unha humilde homenaxe: incluír O Raio Veloz na nosa «bibliografía ludolingüística básica». Mestre, grazas!


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...