13 de set. de 2016

Do papel á pantalla


Na sala de cine, cando comeza a proxección do filme, as máis das veces non presto atención ao nome do director ou directora, nin ao dos actores ou actrices. Non é por desinterese. Ocorre, sen máis, que só teño ollos para a tipografía dos títulos iniciais: o seu deseño, a súa disposición, os seus movementos... Toda unha arte que busca asociar eses textos á esencia mesma da fita, anticipar a súa temática, provocar determinadas sensacións.

Para todos os amantes da tipografía e do cine deixo deseguido a curtametraxe titulada From Paper to Screen, do deseñador francés Thibault de Fournas. Foi o seu traballo final de graduación e dividiuna en dúas partes: na primeira fálanos das regras básicas da composición tipográfica e na segunda aborda a evolución da tipografía no cine. 



Claro que de quererdes ir máis aló e gozar devagar dos títulos iniciais de Saul Bass, Fritz Freleng, Kyle Cooper ou Garson Yu, podedes visitar The Movie Title Stills Collection, web que conta cunha voluminosa colección de fotogramas da cabeceira de filmes desde 1920 ata a actualidade. Este titánico proxecto debémosllo agradecer ao deseñador Christian Annyas, que recompilou todas esas pezas ata conformar un fantástico percorrido tipográfico pola historia do cine.


E para rematar, a miña lista das cinco mellores secuencias de títulos iniciais. Claro que, se non vos convencen, teño outras cinco diferentes. Cales son as vosas?

Psycho (1960), deseñador Saul Bass


The Pink Panther (1963), deseñador Friz Freleng



Barbarella (1975), deseñador Maurice Binder



Seven (1995), deseñador Kyle Cooper



Watchmen (2009)deseñador Garson Yu


Solución ao palíndromo gráfico (5-9-2016): olla gota gato gallo.

3 comentarios:

A Churrusqueira dixo...

Encántame esta entrada porque a min tamén me enfeitizan os títulos de crédito cando están currados. Un que me encanta, aínda que non o encontrei na Rede para rememoralo, é o que introduce "Hable con ella", de Almodóvar, quen penso que é un dos cineastas españois que máis coida este aspecto.
Por certo, coñeces o personaxe de Brick, o neno de The middle? Primeira vez que vexo un protagonista infantil tolo pola tipografía. Adorable.

Carlos L. Medrano dixo...

Vin moi pouco esa serie. Tomo boa nota!

A Churrusqueira dixo...

A serie non é a bomba, só o fillo menor. Sobre todo cando era cativo.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...