24/01/2013

Centóns: «poemas-frankenstein»



Pouco máis que engadir á presentación deste volume singular: Cien mil millones de poemas (2011). Unha homenaxe en lingua castelá á obra Cent mille milliards de poèmes (1961) do xenial Raimond Queneau, mestre do grupo Oulipo. Igual ca no orixinal francés, os dez sonetos base que o forman posúen idéntico esquema métrico (medida, rima...). Como resultado, calquera primeiro verso dun dos poemas pode ser combinado con calquera segundo verso dos outros nove, e así sucesivamente cos catorce versos dos sonetos. E de aí xorde o título da obra: cun sinxelo cálculo matemático (máis sinxelo con calculadora, claro) vemos que as combinacións posibles son 1014, potencia que ten como resultado eses «cen mil millóns», case nada!

Iso si, este tipo de poemas xa existían na antigüidade clásica, co nome de centóns (do grego kentron, ‘peza de roupa feita con anacos e mendos tomados doutras’). Algo que sempre acabo asociando, salvando as distancias, ao vello soño do doutor Frankenstein: crear un corpo con nova vida a partir da unión de distintas partes de cadáveres diseccionados.

Se podedes facervos co libro, ánimo e a idear novos sonetos en castelán á vontade. E se o que vos gusta é fedellar on line, visitade esta ligazón para compoñerdes sonetos cos textos orixinais en francés da obra de Raymond Queneau (con tradución tamén ao inglés).

Pola rede circulan exemplos, coma este ou estoutro, de centóns galegos feitos con versos tomados de aquí e de acolá. Quen se anima a escribir novos «poemas-frankenstein» en lingua galega?

2 comentarios:

Telmo Dapena dixo...

Xa estou
Non estou
Xa o fixen
E non o viches
Chimpa esa
Que teño queixa
E sempre rule,
que rule rule
E segues como antes
E non o ves
Para cando estés
Xa non me verás
Pois sempre,
non vou estar

Carlos L. Medrano dixo...

Pero que arte!
Apertas!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...