11/04/2013

Sopa de letras: xogo de mesa



Levaba un tempo a indagar se habería un xogo de mesa baseado no pasatempo da sopa de letras. E ao final dei con el. Un fantástico deseño de Goliath Games chamado «Wordsearch game» na súa versión en inglés e «Sopa cruza-letras» na súa versión en castelán. O vídeo anterior preséntanos dun xeito sinxelo este xogo (mesmo sen sabermos nin papa de inglés).

En todo caso, aí vai unha breve descrición deste enredo que permite fomentar habilidades intelectuais, cognitivas e sociais:
Os xogadores (entre 2 e 4) compiten para atopar palabras ocultas nunha grella de letras circular. Dispoñen de 20 cartóns cunha sopa de letras por cada lado (40 en total). Cada unha contén unhas 30 palabras dun mesmo campo semántico.
Escóllese un deses cartóns e ponse na base co taboleiro transparente por riba. Xírase a parte superior para revelar a primeira palabra que se debe atopar e todos comezan a busca. Quen primeiro dea con ela fai soar o tótem e coloca sobre as letras que a forman os marcadores da súa cor. Logo xírase de novo o taboleiro e a partida continúa cunha nova palabra. Cando se localizan todas as voces, o xogador con máis marcadores gaña. 
Para coñecerdes as regras polo miúdo e completas, tamén podedes descargar o PDF.

O xogo de mesa en castelán pódese atopar en comercios especializados ou en Internet. A falta de versión galega, non sería moi difícil deseñar para o xogo cartóns con sopas de letras na nosa lingua. Quen se anima?

Ah! E para os afeccionados a este pasatempo, aquí deixo o enderezo da web engalego.es, especializada en recursos educativos interactivos. Unha das súas aplicacións permite deseñar e xerar sopas de letras para resolver en liña.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...