08/04/2013

«Verbas van», novo concurso



O deseñador Manuel Viqueira creou esta cabeceira para o novo programa Verbas van, substituto do veterano Cifras e Letras na grella da TVG. Despois dunha andaina de máis de sete anos, o pasado luns 1 de abril o antigo concurso deu paso a esta nova versión que, no esencial, segue a mesma estrutura: dous concursantes compiten por un premio en metálico e polo dereito a regresar un novo día, dous expertos colaboradores (Jorge Mira e María Canosa) ofrecen e comentan as solucións ás probas e, finalmente, un presentador (Paco Lodeiro) conduce, cunha chea de retranca, o programa.

Con todo, si hai algunhas novidades nas súas probas:
O concursante novo escolle entre dúas palabras propostas polo presentador, determinando así o contido das preguntas. Cada un afronta cinco probas seguidas: formar, a xeito de anagrama, tres palabras (de 7, 8 e 9 letras) relacionadas co tema do día, unha pregunta de Ciencias e unha batería de cálculos numéricos.
Despois destas quendas individuais, ambos os dous concursantes enfróntanse no «Man a Man», onde é crucial a rapidez ao activar o pulsador. Esta fase consta de dúas probas: unha de Letras, «Verba vén»; e outra de Ciencias, «Botacontas».
Deseguido, chega o panel final, «Chegar e Encher», onde cada concursante debe resolver a súa columna de seis palabras, das que aparecerán as dúas primeiras letras, tras escoitar as correspondentes definicións. Esta proba final é decisiva xa que a puntuación que se pode obter é moito maior ca nas dúas primeiras fases. O concursante que consiga sumar máis puntos en total obterá 500 € e a permanencia no concurso.
En fin, un novo espazo que busca seguir o ronsel de éxito de Cifras e letras poñendo a proba o noso enxeño e o noso coñecemento da lingua.


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...