14/04/2013

A escítala espartana


Pois si, aínda que pareza imposible, naqueles arredados tempos en que non había correos electrónicos nin whatsapp, as civilizacións humanas progresaban e argallaban os seus métodos para enviaren mensaxes dun lugar a outro, mesmo cifradas cando cumpría.

Brincadeiras á parte, xa vimos hai tempo algún destes métodos de encriptación como o código de César ou os anagramas de Galileo. Hoxe imos falar doutro curioso sistema de cifrado: a escítala, empregada orixinariamente na antiga Esparta.

O funcionamento da escítala era moi simple: os dous participantes na comunicación debían posuír cadansúa vara do mesmo grosor. Un, o emisor, enrolaba unha longa fita de coiro ou papiro arredor do seu pau e escribía nela lonxitudinalmente un enunciado completo de xeito que a cada volta se engadise unha letra. Cando se desenrolaba a fita, a mensaxe anterior, ordenada e lexible, convertíase nun barullo de letras sen sentido. Só cando a fita se situaba de novo na posición orixinal na súa vara xémea, a do destinatario, a mensaxe reaparecía.

Contan os cronistas, que aló polo 404 a. C., cinco mensaxeiros espartanos saíron con urxencia para levar unha comunicación segreda ao seu rei, Leandro. Só un dos mensaxeiros, esgotado e malferido, deu chegado ao seu destino. A xeito de cinto, levaba unha escítala de coiro que lle entregou ao rei. Leandro enrolou esta fita nunha vara e así descubriu a mensaxe codificada que desvelaba as intencións do inimigo: o monarca persa Fanabazo II pensaba atacalo. Os espartanos preparáronse para repeler o ataque e de feito conseguírono. 

Neste enderezo tedes un encriptador automático co sistema da escítala. Por exemplo: nunha vara de recolla tres letras por volta a mensaxe «EU LEO XOGOSDELINGUA» quedaría así: «EOL UGI LON ESG ODU XEA»

No seguinte vídeo tedes unha demostración práctica do uso da escítala. Iso sí, a explicación é en chinés, mais é ben doada de comprender!



Animádesvos a intercambiar mensaxes segredas coas vosas propias escíntalas caseiras?

2 comentarios:

Agustín Fernández Paz dixo...

Moi interesante, Carlos.
Grazas por tanta información como ofreces.
Agustín

Carlos L. Medrano dixo...

Grazas a ti, Agustín, por lerme e polos teus comentarios. Aquí andarei, a "dar a lata", mentres a cabeciña siga a ferver. Unha aperta

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...