26/06/2014

Unha curiosa novela enigmística


O reino ideal (2007), de Miguel Anxo Mouriño, é unha desas obras que non podía faltar na nosa «bibliografía ludolingüística básica». Esta novela de aventuras para lectores mozos está protagonizada por Antía, unha nena que sofre un drástico cambio vital ao se separaren os seus pais. Á súa chegada a un novo centro de estudos agárdana numerosas sorpresas que, aos poucos, irán mergullándoa no fascinante mundo da enigmística.

Unha obra que permite a quen a le unha aproximación creativa e atraente aos xogos de palabras: charadas, anagramas, bifrontes, palíndromos, enigmas... Estes enredos acompañan coherentemente o relato e converten a súa lectura nun delicioso xogo de enxeño.

En paralelo ao libro, o autor creou o blog A páxina de Buli, a través do cal os lectores poden participar de forma activa e colaborativa na resolución dos xogos enigmísticos. E no blog tamén podemos atopar un valiosísimo Manual de Enigmística que nos permite coñecer mellor este mundo de creatividade, enxeño e amor polas palabras.

E para facer algo de sa ximnasia mental aquí van uns cantos xogos d’O reino ideal.
Anagrama (reordena as letras para formar un novo enunciado):
Un astro
Palíndromo (crea un enunciado sinónimo do seguinte que teña forma de palíndromo):
Oh, palabra, acaba!
Enigma (descubre o concepto encuberto neste poema cheo de dobres sentidos):
MITIN DOS VERDES
Se florece a esperanza, camiñamos
sen medo do futuro,
por iso os verdes son os máis seguros;
porque se a flor vermella
dos teus pasos errantes se apodera
ou o centro impreciso e dubidoso,
verás, ansioso, 
o progreso que buscas, en espera.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...