08/06/2014

«Say the same thing»



Seica os membros da banda indie OK Go, na busca de combater as tediosas viaxes entre concertos, comezaron a practicar un curioso enredo ludolingüístico. Dous deles dicían cadansúa palabra, unha calquera que lles viñese á cabeza. Deseguido buscaban unha conexión entre elas e volvían dicir cadansúa palabra, procurando coincidir nese termo medio. Se non o conseguían, tomaban as voces previas como pista e volvían intentalo. Así unha e outra vez ata pronunciaren ese concepto común. E cando daban con el, premio á complicidade: unha grande aperta!

Pode parecer unha brincadeira sen sentido, mais o certo é que «Say the same thing», que así se chama o xogo, reborda enxeño, creatividade e sentido do humor, como todo o que sae das cabeciñas desde reis de youtube. Un sinxelo recurso lúdico que explota o valor semántico das palabras e que, sobre todo, premia o espírito cooperativo fronte ao competitivo. Fantástico!

Acabaron dando un pasiño máis alá e, grazas a Andy Ross, guitarra do grupo e deseñador de apps, crearon unha versión electrónica do xogo, de balde e con versións, de momento, en inglés, en castelán e en portugués. Oxalá os amigos de Cilenis, que xa adaptaron ao galego o Apalabrados, se animen a facer o mesmo con esta aplicación.

E, como despedida, o vídeo «Here It Goes Again», que no seu día lanzou á fama a OK Go e xa conta con máis de 20 millóns visualizacións.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...