12/07/2014

De Cicerón a Paco Martín


De non haber probas fotográficas, calquera diría que a anécdota que ocupa a entrada de hoxe puido ser froito do maxín do seu protagonista, Paco Martín. Mais o caso é que a imaxe aí está, para dar fiel testemuño do ocorrido hai agora tres anos.

Nun solleiro día de xullo do 2011, o escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado na súa cidade pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. O acto central desta homenaxe era o descubrimento dun monolito conmemorativo. Nel debía aparecer un fragmento dun clásico de Martín, Das cousas de Ramón Lamote, mais no seu lugar estaba gravado o «Lorem ipsum», texto orixinalmente escrito por Ciceron e que se emprega como recheo en probas tipográficas e de edición.

Así se describe o acontecido na propia web da AELG:
Javier Hita e David Soengas, traballadores da pedra ou, dito doutro xeito, escultores e artesáns, recibiron a encarga de preparar un monolito en homenaxe ao escritor Paco Martín. Botando a vista ao procedemento que seguiron, os artistas explican que nun principio lles resultou estraño que un escritor galego contemporáneo acudise ao latín para escribir. [...] David di: «Home, eu cando o vin dixen ‘mira ti para os escritores galegos’, porque non cría que Das cousas de Ramón Lamote estivese escrito en galego...». E a Javier soáballe de algo o de «Lorem ipsum» pero non traballou máis esa sensación pasaxeira. Incluso durante o proceso de gravado chanceaban entre eles dicindo «mira que ben o fago eu, sabemos latín e todo».
Chegou o día da homenaxe en vida ao escritor. A pedra foi colocada no seu sitio e cuberta cunha lona e a bandeira galega. No momento de retirar a lona que cubría a peza de solemnidade todo o mundo quedou moi sorprendido. [...] Non houbo asubíos, nin reproches, nin malos xestos, nin malos modos porque todos acudiron ao sentido do humor para xustificar a equivocación. O primeiro foi Paco Martín e logo o resto dos seus compañeiros que non pararon un minuto de facer chanzas coa gran equivocación e o escritor homenaxeado foi quen deu as grazas ao público congregado. 

O propio presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, explicou ao Xornal de Galicia que «foi unha simple anécdota» e recordou que no momento da inauguración ao ver o monolito explicou: «Isto foi cousa de Ramón Lamote, que en compañía e coa complicidade do canteiro decidiu facer esa trasnada, algo propio de Lamote». Para o escritor «foi un detalle simpático e co que nos rimos todos».
Unha feliz conxunción a de Cicerón e Paco Martín a través dese estraño texto que é usado desde o século XV como modelo para simular espazos escritos na edición tradicional en papel, e hoxe tamén na edición dixital. O curioso é que o texto latino hoxe difundido non é o orixinal xa que foi sufrindo unha chea de supresións, trocos e alteracións. Tanto, que nin sequera ten sentido. Nin falta que lle fai!

Iso si, como podemos ver aquí ou aquí, a do monolito non foi a única vez que alguén esqueceu eliminar este texto provisional.

Ah!, e para encherdes de texto ficticio os vosos escritos, aquí deixo a ligazón dun xerador de «Lorem ipsum» en varias linguas (latín, grego, árabe, hebreo, hindi, quenya...) e mesmo en código morse.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...