24/07/2014

Na busca da tipografía universal



Como é sabido, poucas cousas hai tan persoais como a caligrafía. Con todo, a compañía BIC (si, a dos bolígrafos) vén de poñer en marcha un asombroso experimento, The Universal Typeface, co cal pretenden obter, nas súas palabras, «a unificación da escrita a man do mundo nun tipo de letra universal».

Trátase dun proxecto colaborativo a partir das contribucións escritas dos usuarios da rede. Cadaquén, desde un dispositivo con pantalla táctil, pode engadir as súas propias grafías. Todas as mostras son analizadas polo programa ata xerar un trazo promedio que vai determinando como é a «forma universal» de cada letra.

O proxecto estará activo ata este mes de agosto, momento en que lanzarán a tipografía definitiva. A día de hoxe, levan recollidas 1.444.506 mostras de máis de 124 países. Case nada!

Convídovos a aproveitar estes últimos días e participar na web. En Contribute, podedes engadir as vosas propias letras ao proxecto. En Explore, podedes curiosear e pescudar como son as letras resultantes de diversos filtros: por país, por idade, por profesión, por sexo ou por man dominante na escrita.



Xa me tarda coñecer o resultado final!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...