O trasno Mixiricas (1994), de Efrén Vázquez, é un deses libros curiosos e orixinais que tanto pracer xeran a amantes da ludolingüística e dos xogos de enxeño. Mixiricas, o trasno protagonista, vai percorrendo as sete capitais do antigo Reino de Galicia, nunha viaxe chea de peripecias e aventuras. Para isto, axúdase da súa caixiña máxica dos saberes, chamada Artesa.
Coa curiosidade dun neno que todo o quere saber, decidiuse a pescuda-lo máis inmediato. ¿Onde era que se atopaba? Non tería máis que preguntalo, pero a aquela hora íalle ser un pouco difícil, por non dicir dificilísimo, dar con alguén naquel lugar tan arredado. ¡Sorte que trouxen comigo unha desas «caixiña dos saberes», que os vellos trasnos nos recomendan levar ós novos cando saímos de viaxe!, pensou.
Tratábase, xa que logo, dunha caixiña enfeitizada que contiña información do lugar no que se atopase en cada intre. E como era máxica, había que entendela e coñece-las claves para que funcionase ben, pois cada unha era un exemplar único.
A caixiña conta con catro pechaduras con cadansúa chave, de distintas cores (vermella, amarela, verde e azul). O caso é que, cando Mixiricas emparella correctamente chaves e pechaduras, obtén valiosa información sobre a historia e xeografía do lugar en que se atopa, mais, se erra con chaves e pechaduras, a caixa propón un problema que cómpre resolver.
Así, nesta especie de «road book», van sucedéndose sopas de letras, mensaxes encriptadas, xeróglifos e outros enredos de enigmísticos. A lectura convértese, daquela, nun entretido xogo co que acompañamos o trasno, de forma activa, por toda a xeografía galega, aprendendo máis sobre a nosa terra.
Destinado, en principio, a un lector ou lectora adolescente, O trasno Mixiricas é un libro descatalogado, mais non difícil de localizar en librarías ou por Internet.
Temos a sorte, ademais, de atopar boa parte dos seus contidos e xogos en Trompiletras galegas, a web persoal que Efrén Vazquez, docente de profesión, mantén desde o 2002. Un espazo dedicado ás Letras Gallegas, ás novas tecnoloxías, á educación e a recursos sobre lingua (mesmo un xerador de pangramas!).
En fin, desta volta sumamos un trasno á nosa «bibliografía ludolingüística básica», que xa vai collendo collendo corpo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario