24/02/2018

Palíndromos ilustrados [22]


O palíndromo de hoxe recórdame a querenza da nosa tradición pola arte de falar mal, de inxuriar, de ceibar falsidades maldicentes. Lembrades como describe a nosa «Arte de trovar» as cantigas de escarnio e maldicir?
Cantigas d'escarneo som aquelas que os trobadores fazem querendo dizer mal d'alguém em elas, e dizem-lho per palavras cobertas que hajam dous entendimentos, pera lhe-lo nom entenderem [...] ligeiramente; e estas palavras chamam os clérigos hequivocatio. E estas cantigas se podem fazer outrossi de meestria ou de refram.
Cantigas de maldizer son aquelas que fazen os trovadores mais descubertamente. En elas entran palavras que queren dizer mal e non aver outro entendimento se non aquel que queren dizer chãamente
Hoxe, o contacto boca orella das laretadas do mercado ou da barra da taberna é acompañado tamén polo tecleo anónimo que ceiba inxurias e falsidades sen filtros pola arañeira. E o galego demostra unha gran riqueza á hora de expresar estas circunstancias. Por exemplo, nos refráns:
Non habería murmuradores, se non houbera escoitadores.
Quen ten a lingua aguda, que teña a costela dura.
Mellor sandan as chagas cás feridas das malas palabras.
Máis pode un criticando que cen gabando.
Fale a miña veciña e teña o meu fol fariña.
Vale máis calar que mal falar.
Vai a palabra de boca en boca coma o vento de folla en folla.
Andar en linguas, andar en minguas.
E de léxico referido a este hábito do «maldicir» tampouco andamos curtos: rumor, azueira, mentira, maledicenciamurmuraciónalburgada, chisme, loia, dixomedíxome, bouba, rexoubaloiada, cubillada, embustedíxome...

Os termos anteriores, moitos deles sinónimos, veñen recollidos no dicionario da RAG. Es quen de clasificalos nesta táboa?



Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...