En 1938, o arquitecto estadounidense Alfred Mosher Butts creou o xogo ludolingüístico de mesa máis popular do mundo. En realidade, nese ano o xogo tomou a súa forma case definitiva, despois de lle engadir un taboleiro de 15 filas por 15 columnas. As sucesivas variantes que Butts fora ideando ata entón recibiran diversos nomes: Lexiko, Criss-Crosswords... Malia as dificultades para patentalo e o rexeitamento de dúas compañías de xoguetes para comercializalo, o seu inventor non se rendeu e chegou a fabricar coas súas propias mans 200 xogos que regalou ou vendeu entre seus amigos.
Despois da Segunda Guerra Mundial, dous destes amigos, o matrimonio James e Helen Brunot, fascinados por este enredo de cruzar palabras, decidiron arriscarse a comercializado. Despois de chegaren a un acordo con Butts no referente á repartición dos dereitos, optaron por lle facer pequenas modificacións: redistribuíron a posición dos cadros con premio, simplificaron un chisco o regulamento e déronlle o seu nome definitivo, Scrabble. En 1949 saíu ao mercado esta nova versión. Despois duns primeiros anos difíciles, co paso das décadas, a febre do Scrabble foi medrando e traspasando continentes.
Hoxe xa se venderon máis de cento cincuenta millóns de caixas de Scrabble, creáronse versións do xogo en ducias de linguas (cada unha coa súa frecuencia de letras específica) e hai federacións e campionatos por todo o mundo.
Aínda que, por desgraza, non hai unha «versión física» galega deste xogo de mesa, si contamos cunha versión en liña, desenvolta desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, que recibe o nome de Letrado/as.gz. Probade a rexistrarvos e a xogar.
E para pechar o comentario, aí vai un novo anuncio publicitario do Scrabble, tamén espectacular e engaiolante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario