21 de out. de 2012

Ronseltz: poemas para ler con casco


Poucas obras supuxeron para a literatura galega un refacho tan fresco de irreverencia e sentido do humor como o poemario Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994), do colectivo Ronseltz. Este grupo poético, que polas datas de publicación do libro xa estaba disolto, botara a andar na Coruña dez anos antes. Formábano os mozos Xoán Carlos Rodríguez, Manuel Cortés, Serxio Iglesias, Xabier Cordal e Miguel Anxo Montes (máis coñecido como Miki Nervio).

O propio nome do grupo era xa todo un síntoma do seu afán transgresor e lúdico. Como eles mesmos declararon, no seu primeiro recital, entre rolda e rolda de cervexas, probaron un cóctel de ron con sifón: Ronseltz. De aí xurdiu a idea de converter este xogo de palabras en nome do grupo, que ademais era unha referencia directa a Ronsel, histórica revista poética da vangarda galega de comezos do século XX.

Nas primeiras páxinas do volume pode lerse esta declaración de intencións: «O poema é unha pedrada na cabeza. Por iso lles recomendamos aos leitores que usen casco». E os amigos de Ronseltz abofé que tiraban a dar! Das súas «pedradas» non quedaba libre ningunha «vaca sagrada» das nosas letras: desde os trobadores medievais, parodiados sen pudor nin prexuízos; ata Uxío Novoneyra, ameazado con pasar os seus Eidos pola concentración parcelaria; pasando por Manuel Antonio, que viu a súa Ría de Arousa convertida en escenario do narcotráfico neste coñecido caligrama.


Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados é, en definitiva, unha desas estrañas pezas únicas, hoxe xa descatalogada, que non debe faltar na nosa «bibliografía ludolingüística básica», aínda que só sexa por esta xenial definición de Galicia: 
Galiza
Todo na miña terra é paisaxe
Menos traxe,
paxe
e garaxe.
Por último, a xeito de peche, aquí deixo a Carlos Blanco nun recital-presentación do poemario na sala Nasa aló polo 1995.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...