05/04/2015

Acrónimos que salvan vidas


Cirurxiáns vasculares do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) acaban de poñer en marcha un novo método que axuda a planificar o tratamento endovascular dos aneurismas de aorta abdominal. O éxito da súa aplicación en Compostela fixo que centros hospitalarios de todo o mundo amosasen grande interese por incorporalo ás súas técnicas.

Para a súa doada memorización, o protocolo tomou forma de acrónimo. Así o explican en La Voz de Galicia.
As oito normas do protocolo preséntanse resumidas en forma de acrónimo. Forman a palabra Santiago. Elaborárono en inglés «para facilitar o seu uso internacionalmente». Así, o S correspóndese co inglés «size» e indica medir o aneurisma; o A con «access», para decidir se é femoral ou polo brazo; o N con «neck» (pescozo); e así ata o O final de «OK».

Deste xeito, exportamos técnicas cirúrxicas e acrónimos de noso. Un procedemento de abreviación convertido en xogo e ao que, por certo, están moi afeitos os estudantes de Medicina. Con el, memorizan criterios de diagnóstico, series de músculos, de ósos... (Criterios de diagnóstico da febre reumática: CANCER: Cardite, Artrite, Nódulos subcutáneos, Corea, ERitema marxinado. Músculos do pulgar: AFOA: Abductor, Flexor, Oponente, Aductor. Ósos do cráneo: ES PATO FEo: ESfenoides PArietal Temporal Occipital Frontal Etmoides). Unha relación entre Medicina e Ludolingüística que dá para interesantes artigos como este.

En fin, acrónimos que salvan vidas. Ludolingüística que salva vidas.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...