29/04/2015

Pon un palíndromo na túa vida





A cada pouco é bo unha pequena dose de palíndromos: eses engaiolantes enunciados reversibles que estimulan como ningún outro a nosa imaxinación e o noso espírito lúdico. E desta volta, o meu último achado na arañeira: os palíndromos ilustrados de salvaxemente.blogspot.com. Pezas que se achegan ao humor gráfico e que posúen, na liña do propio blog, un aquel alternativo e satírico tan de agradecer.

En comparación con outros idiomas, o galego ten proporcionalmente menos voces palindrómicas. Nisto inflúe, sen dúbida, o querenza da nosa lingua polos ditongos; e o predominio dos decrecentes («oi», «au»...) sobre os crecentes («io», «ua»...). Con todo, sen parar moito a pensar, á cabeza veñen axiña unhas cantas palabras capicúas: oso, ollo, anana, reter, aérea, sopapos...
O Portal das Palabras, esa xoia da ludolingüística galega en liña, ofrécenos unha entrada que non debemos perder sobre algúns dos máis curiosos palíndromos recollidos no Dicionario da Real Academia Galega: esexese, anilina, radar, anona, rañar. seses, reler.

Anímate e pon un palíndromo na túa vida. Non é tan difícil. E, de precisares algo de axuda, lembra que dispós de utilísimos xeradores coma este.

2 comentarios:

Salvaxemente dixo...

Grazas pola referencia ;) E aínda que é certo que o galego non teña tantas voces palindrómicas coma outras línguas tamén temos vantaxes pra construír frases xuntando palabras non palíndrómicas coma co verbo "ler"; ler/el, le/el, até os ditongos non sempre son negativos e temos a vantaxe de ter menos "H" e "Y" ca por exemplo o castelán; *ía/aí-*ía/hai, eu/que... Penso que como ben dis, non é tan difícil, e xogar así coa nosa língua axuda moito a normalizala e vela como unha língua que vale tanto como calquera outra. Saúde e graciñas por espallar esa mensaxe.

Carlos L. Medrano dixo...

Un pracer! Adiante con máis palíndromos ilustrados! Agárdoos impaciente!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...