29 de maio de 2017

Un acróstico de Mero para Lorca

    

Hoxe vén a Xogosdelingua un bo amigo: Baldomero Iglesias Dobarrio, máis coñecido como Mero.

Mestre xubilado, Mero é músico e poeta por vocación. Participou na fundación en 1972 de Fuxan os Ventos. Desde 1984, xunto co seu compañeiro Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), pasou a formar o grupo A Quenlla, que segue activo na actualidade. Ademais, como vimos hai pouco, a el lle debemos algunhas das máis fermosas versións musicadas de poemas das nosas letras: «O carro», «Penélope», «Alén do teu recordo»... 

Mais agora centrarémonos na súa faceta poética. Como el mesmo ten declarado:
Para min a poesía é unha terapia necesaria para facer reconto dos días, dos soños, da vida. A palabra, así disposta, pode ser o elemento de amparo e de cohesión social precisa para sermos, en conxunto, para ser quen somos pegados á terra e sabéndonos da mesma orixe, para relacionarnos entre nós e co mundo, para sentir e emocionarnos, mesmo para chorar as bágoas e rir tantas cousas fermosas.
Mero escribiu, polo de agora, catro libros de poesía: Na lonxitude do tempo (2005), Recendos de luz e sombra (2006), No papel que mudo escoita (2011) e Doce ducias (2016).

Nas últimas semanas lin, devagar, as 350 páxinas de No papel que mudo escoita. Unha lectura que permitiu gozar dunha poesía feita co corazón e chea de verdade. Versos que nos falan do recendo da infancia, do cerne da familia e da lingua, do amor e do desexo, da patria sometida, do futuro soñado e de moitas outras cousas.

De entre os seus poemas, un chamou especialmente a miña atención: «Canto doe a dor, canta dor, cantador», dedicado a Federico García Lorca, o poeta granadino e universal fusilado o 18 de agosto de 1936. Unha homenaxe a este autor que tanto agarimo e repecto amosou pola nosa lingua e pola nosa cultura. No seu título, Mero xoga coas palabras expresando, a través do calembur, a idea da inmensa dor polo asasinato dun «cantador» como Lorca. Logo, desenvolve o corpo do poema artellado a partir de dous acrósticos paralelos, un co nome completo de Lorca e outro co enunciado inicial do título: «Canto doe a dor».  
CANTO DOE A DOR, CANTA DOR, CANTADOR
Foi en Viznar, en Granada,
Escuras salvas de morte
Descargaron dende as sombras
En agosto, un dezanove,
Rebentando os anhelados
Inmensos soños dos homes.
Crimes cubertos de tebras
O tempo sempre os descobre!
Coidaban matar a alba disparando cara ao sol.
Aínda por veces se escoitan e como ecos resoan, 
Non acalaron os tiros tanta dor no corazón.
Gardou o pobo lembranzas
Aforrando na memoria,
Recuperando a razón
Contra os que usaron a forza.
Ímpetos de liberdade
Agardan contar a historia.
Ten que saberse a verdade condenando a insurrección, 
Orgullosos dun exame que repoña a dignidade, 
Debendo dar conclusión a tanto tempo de aldraxe:
O silencio ecoa as balas das feridas e a traizón.
Liberdade aínda coutada
O pasado non o atende.
Roubárannos toda a alba!
Co exemplo daquela xente
A luz prende na esperanza!
E a culpa daquela infamia non prescribe coa omisión
Angustiaría os desexos dun futuro de ilusión. 
Dicían matar a alba disparando cara ao sol 
Ou berrando “viva a morte”, verdugos da erudición.
Reciben bágoas os ollos, …malia quen nolos matou!
De novo, a ludolingüística como eficaz caxato para poesía máis comprometida. Temos, así, un título máis para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...