25 de out. de 2017

Mamihlapinatapai



De paseo pola rede enganchei nunha silveira, e alí quedei, entretido durante un bo anaco. Foi ao dar coa palabra mamihlapinatapai da lingua yámana ou yagán, propia dos indíxenas homónimos da Terra do Fogo, no extremo austral de Chile e da Arxentina.

Descubrín casualmente que, segundo o Libro Guiness, esta é considerada a palabra máis sucinta do mundo, é dicir, a voz única e independente que expresa o concepto máis amplo e complexo.

O seu significado seica é: ‘unha mirada entre dúas persoas, cada unha das cales espera que a outra comece unha acción que ambas as dúas desexan pero que ningunha se anima a iniciar ou suxerir’.

A Wikipedia explica así a súa estrutura morfolóxica:
prefixo ma(m)- de tipo reflexivo pasivo + raíz ihlapi, que significa ‘estar confundido sobre o que facer despois’ + sufixo condicionante -n e sufixo -at(a), que implica ‘logro’ + sufixo -apai, que ao coincidir con ma(m)- adquire un significado de reciprocidade
Esta é a maxia das linguas polisintéticas, que, a base de agregar morfemas nun só termo, poden expresar ideas dunha sutileza abraiante como a anterior. Ideas que todos somos quen de identificar pero que desde o galego só poderiamos expresar con toda unha oración, case cun relato breve.

A mágoa é que xa só unha persoa no mundo pode expresarse en yámana ou yagán. Cristina Calderón, nada en 1928, é a derradeira falante deste idioma. Para desgraza de todos, a súa lingua e a visión particular do mundo que nela reside tamén desaparecerá con Cristina. Outro tesouro perdido! Seremos quen de vernos nese espello?!

4 comentarios:

A profa dixo...

Marabillosa entrada!
Xa estou pensando como a vou levar á aula :D
Bks.

Carlos L. Medrano dixo...

Graciñas, Pilar! Que ben que che gustase! Xa me contarás que tal che funcionou. Seguimos en contacto.

Churrusqueira dixo...

Pois a min tamén me vén ao pelo porque ando a explicar os diferentes tipos de linguas. Graciñas!

Carlos L. Medrano dixo...

Que ben ser útil con Xogosdelingua! Unha aperta

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...