30 de mar. de 2013

Practicaches xa o «googlewhacking»?


Pensas que é doado atopar un único resultado no buscador de Google introducindo nel só dúas palabras? De aceptares o reto, estás a practicar googlewhacking (que se traduciría como «zouparlle ao Google»).

Se despois de escribir eses dous termos no cadro de busca e de activar a procura, podes ler «1 resultado», entón conseguiches un googlewhack e venciches a Google. 

Este estraño entretemento non é novo, naceu hai xa uns dez anos na rede. Seica o pai da criatura é un geek estadounidense, un tal Gary Stock. En xaneiro do 2002, o mozo escribiulles un correo electrónico aos seus amigos no que lles contaba que se fixera adicto «a buscar en Google combinacións de palabras inglesas de uso común que tivesen a menor frecuencia de aparición nas páxinas web». Desde entón o fenómeno estendeuse como a pólvora ata se converter nun xogo global.

As súas regras son simples:
1. Non se usan comiñas na busca.
2. As palabras da procura deben estar rexistradas. En inglés tómase como referencia a base léxica de dictionary.com, no noso caso poderiamos utilizar o Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga).
3. A páxina debe ser un artigo real. Non son válidas simples listas de palabras.
O googlewhacking revélase así nunha útil ferramenta para medirmos a semellanza ou proximidade semántica entre dúas palabras. Aparece en máis páxinas a parella «xouba espiña» (2.550 resultados) que «xouba aférese» (7 resultados).

Noutros idiomas con máis presenza en Internet supoño que será doado dar con estes pares de palabras cun único resultado. En galego, dá bastante traballiño. Despois dun bo anaco, eu atopeivos, por exemplo, esta posibilidade: «xeomorfoloxía - bertorella» deume 1 resultado (descontando 2 que correspondían a listas de palabras).

Proposta de actividade: zóupalle ao Google ata atopar outros pares de palabras de único resultado.

Solución á tradución do episodio de Félix, o gato (XX-X-2013):
Gato Félix: Que hai do meu leite?
Home: Non o has comer ata que resolva este encrucillado.
1. Vertical: Atópase principalmente en Rusia.
Gato F
élix: Déixame intentalo a min.
Gato F
élix: Se tan só puidese chegar a Rusia.
Gato F
élix: Recoiro! Estou en Rusia! Agora a resolver ese encrucillado!
Ruso: Espía!
Bang!
Complot para a revolución!
Gato F
élix: Non me tocaron.
Home: Tes xa a palabra de sete letras, que se atopa principalmente en Rusia?
Gato F
élix: Non. Todo en Rusia era un problema.
Home: «Problema», iso é.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...