08/02/2017

O engado da letra gótica


Sabido é que o libreiro Pedro Vindel deu casualmente, aló por 1914, co pergamiño das sete cantigas de Martín Codax. Mentres folleaba un códice de Cicerón, debeu quedar pampo ao ver que o seu forro era unha lámina de pel escrita a catro columnas con texto e partituras, e co nome do xograr Martín Codax no encabezado. Ao parecer, Vindel, experto en libros antigos, deduciu a antigüidade daquelas cantigas ao reparar na súa pulcra escrita gótica, un tipo de letra propio dos copistas de finais do século XIII e comezos do XIV.

Estas letras góticas aínda hoxe seguen a estar entre as favoritas dos afeccionados á caligrafía e ao lettering. Trazos finos, trazos grosos, ángulos, adornos... Para deseñalas adoitan usarse os chamados «parallel pens».



Ou, como vemos deseguido, un simple lapis de carpinteiro.



Unha acnédota curiosa conta que algún escriba medieval de mala uva, para demostrar que a letra gótica, máis alá da súa beleza, podía ser fatigosa de ler, inventou a seguinte frase-brincadeira en latín.


Ao estaren escritos estes caracteres góticos sen puntos sobre os «i» e con «v» escrito como «u», o enunciado convértese nun enigma de primeira clase.

A frase latina seica di: Mimi numinum niuium minimi munium nimio uini muniminum imminui uiui mínimo uolunt. Iso si, eu renuncio a intentar a tradución, o meu latín non dá para tanto. Alguén se anima?

2 comentarios:

Cibrán dixo...

Eu botara polas RRSS o reto de que alguén traducira o latín que compartías. Finalmente contestoume Quique Costas. A tradución non é súa, senón de Francisco Ledo Lemos:
Mimi numinum niuium minimi munium nimium uini muniminum imminui uiui mínimum uolunt: ·Os actores (mimos) ananiños dos deuses das neves de ningunha maneira queren , mentres vivan, que a enorme defensa do viño sexa ameazada.

https://www.facebook.com/cibran.arxibaiqueiruga/posts/1353139198077140?comment_id=1357287537662306&notif_t=feed_comment&notif_id=1486980956194568

Carlos L. Medrano dixo...

Fantástico! Problema resolto! Graciñas aos tres!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...