«Antes cría que este era o comenzo da túa historia. A memoria é unha cousa rara. Non funciona como eu cría. Estamos ligados polo tempo. Pola súa orde.Agora non estou certa de se creo en principios e finais. Hai días que definen a túa historia máis alá da túa vida. Como o día en que chegaron.»
Con esta enigmática reflexión arrinca o filme Arrival (2016), baseado no relato curto Story of your Life de Ted Chiang. A que escoitamos é a voz en off da súa protagonista, Louise Banks, profesora universitaria de Lingüística.
Doce naves extraterrestres pairan sobre distintos puntos do noso planeta. Xorde o pánico entre a poboación xeral ante a incerteza sobre os plans dos alieníxenas de sete pés. Científicos de todos os recunchos traballan arreo para descubrir se as súas intencións son pacíficas ou bélicas. Mais só a doutora Louise Banks é quen de ir descodificando a misteriosa lingua escrita circular dos visitantes para desvelar o misterio.
E aí aparece a segunda gran protagonista da historia, a hipótese Sapir-Whorf, a teoría lingüística establecida por Edward Sapir e Benjamin Whorf nos anos 40 do século pasado segundo a cal o idioma que falamos chega a condicionar a forma en que percibimos e conceptualizamos o mundo. En Xogosdelingua xa temos presentado varios exemplos desta hipótese, mais aquí vai outro:
Os falantes de guugu yimithirr, lingua aborixe de Australia, para expresaren dirección, en lugar de sinalar sen máis «esquerda» ou «dereita», posúen un rico abano de palabras que expresan dirección ao xeito dun compás e con matices sobre posición, localización e movemento. Os estudosos sosteñen, en base a isto, que o seu sentido da orientación estaría máis desenvolvido, por exemplo, que o dos anglofalantes.
Durante varias semanas, e non sen dificultades, Louise Banks consegue dar pequenos pasos no descifrado. Cando por fin alcanza unha comprensión total da forma de comunicación dos heptápodos, todo cambia. E ata aí podo contar.
Unha marabilla este filme, de verdadeira ficción científica, que nos fala de vida alieníxena; mais, sobre todo, de nós mesmos, de como é a nosa forma de sentir e de pensar e de como esta pode chegar a variar.
Unha marabilla tamén por esta escena, ao comezo do filme, onde Louis cita con admiración a orixe da nosa lingua medieval.
E unha marabilla ademais porque, dun xeito simbólico e poético, un palíndromo vén botar luz sobre a chave para comprendelo todo:
«— Mamá? —pregunta a filla de Louise—
— Sí?
— Por que me chamo Hannah?
— O teu nome é moi especial porque é un palíndromo. Escríbese o mesmo ao dereito e ao revés.»
Ningún comentario:
Publicar un comentario