04/02/2017

Non apto para sesquipedalofóbicos


Ollo! O comentario de hoxe non é apto para quen padeza hipopotomonstrosesquipedaliofobia. Quedades advertidos!

Mais de pouco serve o aviso de descoñecerdes o significado do «palabro». Aí vai a explicación por vía etimolóxica: «hipopoto-» (‘grande’) «-monstro-» (‘monstroso’) «-sesquipedalio-» (do latin «sesquipedalia», de «sesqui-» ‘unha vez e media’ e «-ped» ‘pé’, é dicir, ‘palabra grande’) e «-phobia» (‘medo’). Gran sentido do humor o do carallán que lle puxo un nome de 33 letras a este ‘medo irracional ás palabras longas’.

Máis alá da brincadeira, a designación técnica deste padecemento é megalologofobia ou sesquipedalofobia, trabalinguas moito máis «asequibles». Unha fobia que describe o temor que se sente ao ter que pronunciar, nalgunha conversa ou fronte a un público, palabras longas e pouco frecuentes. Trátase dun trastorno causado polo medo ao ridículo ou a ser considerado pouco culto ou pouco intelixente. Decote esta fobia, polo que se ve, vén acompañada de timidez social.

O caso é que por aquí xa teñen pasado palabras ben longas: unhas de orixe literaria, outras científica... Aínda que o galego non ten a facilidade doutras linguas para formar esas palabras de extensión desmesurada, hai pouco dei cun interesante artigo do Portal das Palabras que nos fala dalgunhas verbas de noso dignas campioas do sesquipedalismo galaico: 
esternocleidomastoideo (22 letras)
preterintencionalidade (22 letras)
contrarrevolucionario (21 letras)
electroencefalografía (21 letras)
extraterritorialidade (21 letras)
magnetohidrodinámica (20 letras)
otorrinolaringoloxía (20 letras) 
Sen termos en conta todas as posibles ampliacións mediante sufixos (electroencefalografista ou contrarrevolucionariamente), estas son as xigantes recoñecidas polo noso dicionario oficial da Real Academia Galega. Déixovos coa ligazón, non perdades detalle!

2 comentarios:

Cibrán dixo...

O sesquipedalismo levoume ao edodermdrome: https://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2017/02/un-eodermdrome-galego.html

Carlos L. Medrano dixo...

Realmente bo, Cibrán. Descoñecía por completo a teoría de grafos. Abraiante! Por certo, teño a medio rematar unha entrada enigmística inspirada nos libros de Mariano Mataix Lorda. Outro matemático que paga a pena!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...