20 de feb. de 2017

O enxeño en épocas de escaseza

Grazas a Espejo lúdico descubrín a figura de Mariano Mataix Lorda, autor dunha extensa e brillante obra que recompila problemas clásicos de enxeño, anécdotas, biografías e outras curiosidades do mundo matemático: Fácil, menos fácil, difícil (1985), Problemas para no dormir (1987), El discreto encanto de las matemáticas (1988), Cajón de sastre matemático (1993)...

Para coñecerdes máis sobre este divulgador da matemática recreativa non perdades a ampla entrada que lle dedicaron no devandito blog.  

Entre toda esa información atopei un breve enigma, protagonizado polo escritor coruñés Wenceslao Fernández Flórez, que me cativou. A pesar da súa sinxeleza, combina algo de cálculo matemático, algo de razoamento lóxico e tamén un chisco de pensamento lateral. Fantástico!

Aquí volo deixo. Limiteime a traducilo.

O enxeño en épocas de escaseza 
Un dos nosos máis famosos humoristas, Wenceslao Fernández Flórez, resolveu, en tempos de falta de tabaco, como ocorreu durante a Guerra Civil española, o xeito de fumar tres cigarros dispoñendo tan só de 6 cabichas, no entendemento de que son necesarias 3 cabichas para facer un cigarro.
Como?
Mariano Mataix Lorda, Cajón de sastre matemático (1993)  

Solución ao enigma «O problema de Antía» (5-11-2016): 
Pois, como xa comentou algún amigo de Xogosdelingua, é posible en números romanos, xa que engadindo I (1) en medio de XX (20) obtemos XIX (19). 

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...