Unha ficción audiovisual ambientada nos Concellos Unidos de Galicia, cuxa capital é Carballork e con cidades satélites como Sanchicago de Compostela, non podía tardar en aparecer por aquí, por Xogosdelingua. Trátase de Galicia Crime, webserie galega de humor policial que día a día gaña máis adeptos na arañeira e que vén de recibir, con todo merecemento, o Mestre Mateo á mellor webserie do 2016.
Así se presentan na súa web:
Galicia Crime está ambientada nos Concellos Unidos de Galicia, unha terra que mestura bica con pancakes, muñeiras con country, o enxebre co cool. Un lugar no que calquera soño é posible, a terra das oportunidades e o marisco.
Os Concellos Unidos son 314 microestados e unha soa constitución (chea de enmendas, iso sí). O himno nacional leva por título "Barras e Estrellas Galicias" en honor aos pais fundadores que resolveron as súas disputas bebendo cervexa nun bochinche alá polo 1906. Alí mesmo firmaron a carta magna e comezou unha época de prosperidade na que Os Concellos Unidos acabarían por converterse nunha das grandes potencias económica do mundo.
A principal cidade dos Concellos Unidos é Carballork, considerada o centro do universo por moitos. Séguelle moi de preto Sanchicago de Compostela e Arteixas. Aínda que o Capitolio está na capital histórica dos Concellos Unidos, Porto do Whasington. Ali tamén está a Casa Branquiazulceleste, fogar e oficina do Presidente Feishow.
As principais ameazas externas dos Concellos Unidos veñen das outra gran superpotencia mundial, Asrusias, coa que manten unha guerra fresquiña dende hai anos. A xente vive nunha aparente tranquilidade, pero calquera cousa podería desatar un conflito internacional. Neste contexto comezan as aventuras do detective Dowson e o sarxento Pillei, dous policías de Carballork que co tempo acabarán cumprindo un papel crucial no futuro dos Concellos Unidos de Galicia. Pero non adiantemos acontecementos.
Unha parodia hilarante das series policiais de toda a vida chea de personaxes estrambóticos, situacións absurdas e... moitos xogos de palabras.
Na imaxe superior, o elenco, sorrindo para a foto: Oswaldo Digón (o detective Dowson), Pedro Brandariz (o sarxento Pillei), Pepo Suevos (o capitán Kowalsky), Lucía Veiga (a forense Andersen) e Oscar Cruz (o cadete García). Viva o noso star sistem! E aquí abaixo o capítulo 1 desta serie que non podedes perder.
Na imaxe superior, o elenco, sorrindo para a foto: Oswaldo Digón (o detective Dowson), Pedro Brandariz (o sarxento Pillei), Pepo Suevos (o capitán Kowalsky), Lucía Veiga (a forense Andersen) e Oscar Cruz (o cadete García). Viva o noso star sistem! E aquí abaixo o capítulo 1 desta serie que non podedes perder.
Ningún comentario:
Publicar un comentario