A priori, nos meus plans inmediatos para Xogosdelingua non estaban os latinismos: esas palabras ou frases latinas que hoxe mantemos, intactas, na nosa lingua culta. Verbi gratia: in situ, déficit, per se, lapsus línguae, in albis...
O caso é que foi ver un día destes, en non sei que canle, a escena de Top secret (1984) que encabeza a entrada e caer no engado do latinismo. Mea culpa! Decidín, ipso facto, preparar unha entrada ad hoc. Delírium tremens? Con toda seguridade.
Pola arañeira temos algún recurso interesante para nos achegar de forma lúdica a estas expresións bimilenarias:
Desde a Área de Latín e Grego do IES Manuel García Barros (da Estrada) podedes atopar un completo traballo sobre latinismos (e a súa presenza na Selectividade).
Tamén hai por aí algunha proposta lúdica en liña como este xogo do aforcado ou estoutro xogo de relacionar.
O noso Portal das Palabras tamén propón xogar ao «Só unha vale» con latinismos.
E aquí tedes a app Latingal: un dicionario latín-galego para móbiles con máis de 30.000 entradas elaborado polos profesores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga.
Dise de quen é moi aleuto e agudo que «sabe latín». Se cadra, estas recomendacións axudan a nos facer máis espelidos. Quen sabe? En todo caso... Alea jacta est!
Ningún comentario:
Publicar un comentario