8 de set. de 2017

Palabras impronunciables?







Realmente ocorrentes estes vídeos de Babbel. Ao velos, non puiden evitar darlle voltas ao concepto de «palabra impronunciable». Determinar o grao de facilidade ou dificultade na pronuncia dunha voz (ou dunha lingua) é sempre algo relativo. Máis alá da influencia dos nosos prexuízos sobre unhas linguas ou outras, todo depende dos termos que entren en comparación. Cantos fonemas comparte ese idioma co noso? Cantos son totalmente estraños para nós? 

Así, para un inglés resulta difícil a pronuncia do castelán perro pois a súa lingua natal carece do fonema alveolar vibrante múltiple /r/ do «rr». A un castelán dicir ben o noso xamón tampouco lle será doado xa que a súa lingua non ten nin o fonema fricativo palatal xordo /ʃ/ do «x» nin o nasal velar /ŋ/ que pecha a palabra. E para un galego pronunciar, por exemplo, o inglés bird co mellor acento shackespeareano pode ser tarefa espiñenta ao non termos nós ese fonema vocálico /ɜ:/ entre «i» e «e» dos británicos.

Se ademais os fonemas descoñecidos entran con frecuencia en combinación entre si, esas palabras transfórmanse en verdadeiros trabalinguas, como comprobamos nos vídeos iniciais. 

Postos a poñer exemplos de linguas con fonemas estraños e difíciles de pronunciar, no alto do podio estaría posiblemente a lingua ǃxóõ (también coñecida como lingua taa ou lingua clic) falada por unhas 4000 persoas entre Bostwana e Namibia. O seu alfabeto ten cerca de 26 vogais e 122 consoantes! O nome de lingua clic débese a que parte deses fonemas son diferentes tipos de estalos feitos no ceo da boca. É común, de feito, que as persoas adultas que dominan este idioma desenvolvan unha especie de nódulo na larinxe a conta de emitir durante anos este tipo sons.

Aquí tedes un exemplo desta fala nun vídeo do fantástico proxecto Terra do neurocientífico focense Xurxo Mariño. 



E para rematar, aínda que está en inglés, non podedes perder este vídeo coa listaxe dos fonemas máis estraños nas falas de todo o planeta. Abraiante! 

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...