Hai unhas semanas, pasaba o día en Melide e o meu ollo ludolingüístico foi dar con este letreiro: O tobo do lobo, restaurante e hospedaría ao mesmo pé do Camiño de Santiago. Que redonda sonoridade monovocálica! Digna do mesmiño Novoneyra! Foi ver o rótulo e... zas, foto!
Eran as 5 da tarde e xa xantara, moi ben por certo, en Casa Alongos. Con todo, cando volva por aló, fixen o firme propósito de comer n’O tobo do lobo. Se cadra, poderei deleitarme co «Lombo do porco ó modo ostrogodo». Lembrades? A exótica receita creada por Alfonso Álvarez Cáccamo e cociñada a lume lento por Mofa e Befa. Quen sabe?!
Lombo do porco ó modo ostrogodo, con polbo, chocos, ollomol con noz, polo, ovos; todo con mosto.Boto: solombo, lombo, morro, mondongo do porco, polbo, ollomol, ron roxo, noz (pós), chocos bos, polo, mosto.—Como o logro?—Como prólogo, coloco no fondo do forno o polbo cos ovos cochos (ollo!, ovos cochos no fogo, ovos bos, non ovos chocos!). Tronzo toros do ollomol (non todo), boto noz (os pós).No fogo poño o mondongo do porco, co solombo, o lombo, o polo. Boto ron roxo.Provoco fogo no ron ó modo dos bonzos. Sopro. Logo boto o polbo cos chocos.Como non gozo do soso, boto o morro do porco no mosto. Cozo todo ó modo ostrogodo, ollo: con fogo mol, non con fogo tolo. Collo todo o do forno; bótoo no mosto.Corto os bolos pr´o mollo. Poño toldos con globos roxos (ollo cos focos nos ollos).Controlo os óbolos: “Cordón bló”, non. So porrón, con ñocro (roscón do bo); como son goloso, cómoo como o monstro dos roscóns. Jo, jo, jo, jo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario