21 de mar. de 2012

Filolorxía para dignosauros?

 
  
Proseguindo coa idea da «bibliografía ludolingüística básica» xa me tardaba darlle entrada a algunha das obras dun dos mellores ludolingüistas do país: Gonzalo Navaza. E comezarei polo seu xenial Eludicario (1999).

Nunha nota a xeito de advertencia-prólogo, o volume preséntasenos como un texto milagrosamente recuperado despois de que un desgraciado incendio destruíse case toda a edición dun suposto Diccionario ortopédico da lingua galega (Edicións do Cumio, 1996, 654 páxs.), elaborado polo tamén apócrifo Fermín Cameselle. O certo é que este dicionario paródico xa se fora publicando, por entregas, nos anos oitenta no desaparecido Diario de Galicia.

Mais abonda de leria e gocemos dalgunhas das entradas desta «rareza bibliográfica»:
Deambulir: Andar a toda velocidade sen rumbo determinado.
Dignosauro: Réptil xigantesco da era secundaria, moi estirado de pescozo.
Eucarestía:  Situación económica en que os prezos soben a toda hostia dun día para outro.
Filolorxía: Ciencia que estuda certos desmadres no uso da lingua.
Inverosimio: Mono incrible.
Orgasno: Pracer de burros (Véxase bacasnal).
Perifeira: Arredores do mercado.
Rumbiode: Corpo xeométrico do que non se sabe que forma ten, porque como sempre anda bailando non para quieto.
Esta é só unha pequena mostra do catálogo de ocorrentes e perturbadores neoloxismos do Elucidario. A maior parte deles son voces paronímicas creadas por distintos procedementos: adición de letras (no comezo de palabra [prótese], no medio [epéntese] ou ao final [paragoxe]), supresión de letras (no comezo de palabra [aférese], no medio [síncope] ou ao final [apócope]) ou trocos na súa posición [metátese].

Unha mostra da mellor «filolorxía» galega, abofé!, que ademais dá pé a activar a nosa propia creatividade. Por exemplo, como definiríades estoutras voces tomadas do Elucidario?

Tabernícola - Perceberancia - Morfeosintaxe - Cantorsionista - Repelento

Ou, se cadra, poderiades crear o voso propio «Elucidario».


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...