Lin por aí que nunha columna das ruínas de Pompeia existe un gravado cunhas palabras cruzadas que se poden ler, ben en sentido horizontal, ben en vertical. Se cadra, este é o primeiro vestixio de encrucillado do que temos constancia. Porén, das diversas versións que atopei sobre a orixe deste pasatempo, a que máis me gusta é a protagonizada por Victor Orville.
Corrían os primeiros anos do século XX. Preto da cidade inglesa de Oxford produciuse un tráxico accidente de automóbil con vítimas mortais. O condutor que o causou, Victor Orville, orixinario de África do Sur, resultou condenado a tres anos de prisión.
Os remorsos mergullaron a Orville nunha fonda depresión. Pasaba as horas a ollar abstraído as lousas que pavimentaban a súa cela, dispostas regularmente en forma de grella. Na súa soidade, imaxinaba letras nestas lousas ata que descubriu que, combinadas de certo xeito, acababan formando palabras cruzadas vertical e horizontalmente. Despois dun tempo, o recluso acabou por pedir lapis, papel e un dicionario. Nas semanas posteriores dedicouse a poñer por escrito, en cadriños que el mesmo deseñaba, todos eses encrucillados, coas definicións de cada voz.
Xulgado como demente, Orville foi levado perante o médico do cárcere. Non imaxinaba o doutor que tamén el acabaría contaxiado pola maxia daquel estraño e fascinante pasatempo. O caso é que, animado polo médico da prisión, Orville enviou por correo a súa invención ao máis importante periódico de Cidade do Cabo: por un lado, a grella de cadros numerados e as definicións e, por outro, as correspondentes respostas. Na redacción do xornal pasaron horas a xogar cos encrucillados de Orville e de inmediato comezaron a ser publicados. O éxito destes pasatempos foi impresionante e outros xornais e revistas comezaron a pedirlle novo material ao seu inventor.
Cando Victor Orville cumpriu por fin a súa condena, recibiu a cantidade de 2 millóns de libras en concepto de dereitos de autor. Convertido en millonario, pasou o resto da súa vida na súa terra natal creando máis xogos de palabras. Contan que na súa lápida, en Cidade do Cabo, hai deseñado un encrucillado.
Por desgraza, no noso país a elaboración de pasatempos en galego non dá para se facer millonario. Con todo, si temos os nosos Victor Orville particulares: Darío Xohán Cabana e Paulino Novo. O primeiro hai agora xusto 25 anos que está a publicar encrucillados diarios en La Voz de Galicia e o segundo é tamén creador de pasatempos diarios para El Progreso e Diario de Pontevedra.
Se queredes xogar a resolver encrucillados en liña, podedes atopar unha chea deles no Programa Prensa-Escuela (de La Voz de Galicia), da autoría de Carlos Ocampo, profesor e colaborador habitual neste xornal. E para todos aqueles interesados directamente en crealos (dunha forma menos «rústica» que imaxinar letras nas lousas do pavimento), pode ser útil o programa Hot Potatoes. Ánimo e a seguir o inspirador exemplo de Victor Orville!
Ningún comentario:
Publicar un comentario