4 de abr. de 2012

Abracadabra! Palabras brancas para xantar!

   

Elvira Riveiro, profesora, poeta e tradutora, regalounos no ano 2008 o poemario Palabras brancas (finalista do premio Merlín). Un título para todos os públicos que entra a formar parte da nosa «bibliografía ludolingüística básica». Seguindo o espírito lúdico e creativo do grupo Oulipo, os seus 27 poemas naceron coa autolimitación de empregar unicamente a vogal «a». Unha «limitación» só formal, pois dese desafío creativo xurdiron pezas realmente expresivas e engaiolantes con todo tipo de temas: a paz, a igualdade de xénero, a ecoloxía, o amor pola lingua...  
 Ana
—Mamá, papá,
as palabras danzan?
 
—As palabras danzan
a danza das algas,
as palabras cantan
samba nas gargantas,
as palabras saltan
nas camas, tras as sabas,
as palabras van
das carballas ás sabanas,
ar nas bafaradas,
mar das balandras:
as palabras
...
As palabras mancan,
as palabras sandan.
Marabillosos textos monovocálicos, especie protexida da nosa fauna ludolingüística que merecerá vindeiras entradas. 

Elvira Riveiro é ademais autora de interesantes materiais didácticos que nos achegan ao fascinante mundo dos xogos de creación literaria.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...