Que misterio se oculta no fondo dunha sopa de letras? Aquí deixo unha belísima e inquietante animación que ofrece a resposta. A peza foi creada por Simon Moreau, Joris Bacquet e Bastien Dubois, estudantes franceses de Supinfocom, unha escola de animación con sedes en Francia e na India. Conta a historia dunha nena que cae no interior dunha sopa de letras e descobre o que alí se agocha...
Despois de ver esta animación, un agradece o «poder liberador» das onomatopeas e, ademais, comprende o proverbial rexeitamento de Mafalda pola sopa.
E todo isto sérveme para conectar coas outras sopas de letras: o pasatempo. Como xa amosou Borges no marabilloso relato «El libro de arena», non hai mellor lugar para agochar unha folla ca un bosque e non hai mellor sitio para ocultar un libro ca unha biblioteca. Pois o labiríntico pasatempo da sopa (ou caldo) de letras demóstranos que non hai mellor forma de agochar palabras. De feito, todos temos deixado algunha que outra dioptría na busca das voces camufladas. En relación con isto, aquí deixo un par de enlaces de interese:
O primeiro é o da web educaplay, que permite xerar de forma gratuíta distintos pasatempos e xogos de palabras (entre eles, as sopas).
O segundo é un recurso da veterana web galego.eu no que podemos resolver online varias sopas de letras en galego. Foi creado por Anxo González Guerra, antigo profesor meu de Bacharelato, e por Victoria Ogando Valcárcel. Convídovos a resolvelas!
Solución á ordenación das series de letras (15-4-2012): O C E T C O L H A (CHOCOLATE) / A T R U G A T R A (TARTARUGA) / H A C H E L C U M (CHUCHAMEL) / R E R A F R I R A (ARREFRIAR)
Ningún comentario:
Publicar un comentario