29 de abr. de 2012

Pinacogramas: debuxar con letras


 

As letras, eses signos do alfabeto que nos serven para representar os sons da fala, poden converterse tamén nunha forma de expresión da arte plástica. Así o vemos neste orixinal retrato de J. R. R. Tolkien. É o que se dá en chamar un pinacograma.

Liberadas así da súa «función lingüística», as letras adquiren un novo valor, lúdico e creativo, que permite deseñar todo tipo de imaxes. O ángulo do «L», a redondez do «O», os altibaixos do «M» e os trazos formais dos demais signos tipográficos ofrécennos as máis variadas posibilidades á hora de plasmar figuras sobre o papel. O único límite é a nosa imaxinación!

De feito, artistas plásticos, deseñadores e publicistas levan tempo a crear deseños deste tipo. Moitos deles bastante máis sinxelos que o encabeza a entrada, sen que por iso perdan forza e orixinalidade.


Máis adiante falaremos dos caligramas, que tamén forman debuxos, mais non con letras soltas, senón con textos completos (palabras, frases, poemas...). 

De momento, unha suxestión: elaborar pinacogramas a través de robotype.net. Nesta magnífica web podemos acceder á «Gallery» para observar unha chea de debuxos xerados con tipografía e tamén crear deseños propios a través do «Composer». Por que non facer un pinacograma de Rosalía ou de Castelao? Ou por que non outro deseño de tema libre? Adiante!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...