Iván Ferreiro (unha das miñas debilidades musicais) fai con este tema, «Bocata e futbolín», unha fermosa homenaxe ao Xabarín Club. Este espazo da TVG botou a andar no mes de abril de 1994, é dicir, o noso porco bravo televisivo acaba de facerse maior de idade. Series de animación, noticias, videoclips e moitos outros contidos que engaiolaron varias xeracións de rapaces (grandes e pequenos) ata se converter en todo un fenómeno social: máis de cen mil socios (unha cuarta parte dos nenos de Galicia).
Unha ferramenta normalizadora privilexiada que, por desgraza, desde hai un tempo se deixa esmorecer, comezando pola supresión da programación da tarde (cando os nenos e nenas ven máis televisión).
E aproveitando o videoclip, unha suxestión: «liberar» o/a cantante que levamos dentro e xogar ao karaoke.

Se queredes explotar as posibilidades do karaoke con abundantes temas na nosa lingua aquí deixo unhas referencias de recursos na rede: o proxecto Galeoke, da man da asociación Trabalingua, ou as webs xabarin.org e osarquivosdameiga.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario