12 de feb. de 2017

Brincadeiras onomásticas


Nomear é unha forma de intervir sobre a realidade. Unha das intervencións lexítimas de calquera pai ou nai é poñerlle nome á súa descendencia. Claro que sempre hai obstáculos, como os que tiveron que padecer os pais de Lela ou de Pepe. Vese que ás veces o celo dalgúns funcionarios vai máis aló do que determina o Artigo 51 da Lei de Rexistro Civil no seu apartado segundo: «non poderán impoñerse nomes contrarios a dignidade da persoa».

No seu día, os caralláns de Tempos Galegos souberon tirarlle proveito á polémica. Visitade esta ligazón e escachade co riso.

Supoño que todo é cousa de equilibrio. Pois rarezas tamén hai abondas no santoral consagrado pola tradición (Exuperancio, Caralampio, Escolástica...).

Claro que a cousa aínda se complica máis cando entra xogo a combinación de nome e apelidos: desde os Luz Cuesta Mogollón ou Grato Amor Jurado, rexistrados nun períodico de tiraxe estatal; ata a lenda urbana dun tal Óscar Allos Fortes, máis de noso.

E penso eu... Que dirían os funcionarios do Rexistro ante o caso do nome de pía Felices? Así se chama un tal Pascuas García, o protagonista do relato «Pascuas de Lurres», inserido en Xente de aquí e de acola (1971), de Álvaro Cunqueiro.
Non se non sabe si a broma foi do pai, o señor Arximiro, ou do padriño, don Pedro Pardo —que asegún il viña en liña direita do Mariscal, seu homónimo, degolado na praza de Mondoñedo—. Ao neno puxéronlle de nome Felices, e como se apelidaba Pascuas García, quedou en Felices Pascuas Garcí­a.
—Onde máis me amolaron foi no servicio. Un sarxento murciano, Jesualdo Fábregas, mandouno, aló por un vinte de decembro, a visitar a todos os outros sarxentos do reximento, e tamén ao cabo cornetas, que era un tipo pequeno e picado das vexigas.
Llegas y dices tu nombre.
Pascuas de Lurres apresentábase e decí­a:
—¡Felices Pascuas!
Muchas gracias —contestábanlle.
—Mandoume de postal por todo Gerona! E chovendo!
Pascuas de Lurres andivo toda a vida amolado coa broma de Felices Pascuas. [...]

Álvaro Cunqueiro, «Pascuas de Lurres», Xente de aquí e acolá (1971)
E non me estraña: o pobre Felices condenado a cargar ata a sepultura (nunca mellor dito) coa brincadeira onomástica argallada polo seu pai ou polo seu padriño. Quen sabe se daquela a lei permitía cambiar de nome coa maioría de idade?!

A imaxinación e o humor do mestre Cunqueiro reflíctese en todo o seu esplendor neste pequeno conto pertencente a Xente de aquí e de acola. Colección de retratos da paisanaxe máis enxebre do país deliciosamente narrados e que, na miña opinión, constitúen, xunto con Escola de menciñeiros (1960) e Os outros feirantes (1979), a mellor triloxía das nosas letras. 

Só por iso, aquí queda outro título máis para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

1 comentario:

Churrusqueira dixo...

Eu tiven unha xefa en Compostela de nome Luz Verde.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...