Sabida é a riqueza da toponimia galega. O Nomenclátor editado pola Xunta inclúe o nome de máis de 40.000 lugares habitados, o que supón un cuarto dos de todo o Estado e máis dos que hai en todo Portugal.
Outro dato: entre os dez topónimos máis empregados en todo o Estado, nove son galegos. O número 1 é «A igrexa», cun total de 600 lugares esparexidos por toda Galicia. O número 2 é «O Castro». O número 3 é «Vilar». E así sucesivamente con outros como «A Torre», «O Pazo», «Outeiro», «A Casanova» e «Vilanova».
Se temos en conta que, ademais dos núcleos de poboación, cada camiño, cada outeiro, cada penedo, cada regato, cada poza, adoita ter o seu propio nome, estímase que poderían chegar a rexistrarse máis de 2 millóns de microtopónimos. A maior densidade de toda Europa! Para conseguir recompilalos acábase de presentar unha nova app, dentro do proxecto Toponimízate.
Se temos en conta que, ademais dos núcleos de poboación, cada camiño, cada outeiro, cada penedo, cada regato, cada poza, adoita ter o seu propio nome, estímase que poderían chegar a rexistrarse máis de 2 millóns de microtopónimos. A maior densidade de toda Europa! Para conseguir recompilalos acábase de presentar unha nova app, dentro do proxecto Toponimízate.
Mais desta volta, imos centrarnos noutro tipo de microtopónimos: os que posúen menos letras. Se hai un tempo dedicamos un comentario a eses nomes de lugar interminables que de cando en vez aparecen polo mundo adiante, hoxe imos cos topónimos minúsculos.
De dardes un paseo real ou virtual pola xeografía galega, non é difícil dar con localidades de só tres letras: Teo, Cee, Zas, Oia, Tui... De dúas letras xa é outro cantar. A min non me vén ningún nome á cabeza, agás algún microtopónimo introducido por artigo, como A Uz (Chantada, Lugo) ou O Az (Rodeiro, Pontevedra). E a vós?
No Estado español, ao parecer o topónimo máis breve é Ea, localidade costeira biscaína. O nome seica designa, na variedade do éuscaro desa zona, un tipo de xunco abundante no esteiro onde se sitúa a vila.
Con todo, o récord dos topónimos máis breves do mundo son dous prodixios dunha soa letra. Atopámolos nas illas Lofoten (Noruega) coa localidade chamada Å, que en noruegués quere dicir ‘regato’, e na Picardía francesa coa localidade de Y. Aí queda iso!
3 comentarios:
E O?
http://compasdacosta.com/blog/2012/11/09/toponimia-lago-o-muxia/
Graciñas, Cibrán! Póñome a actualizar agora mesmo o comentario. A nosa toponimia da para moito, abofé!
https://www.academia.edu/3838805/STATISTICAL_CURIOSITIES_ABOUT_GALICIAN_TOPONYMICS_-_CURIOSIDADES_ESTATÍSTICAS_DOS_TOPÓNIMOS_GALEGOS
Tamén podedes ver a serie dos de tres letras que comeza con:
https://portaldaspalabras.gal/lexico/allos-con-bugallos/foz/
Publicar un comentario