Propóñovos escoitar este impagable documento sonoro (entre os minutos 6:42 - 9:57), tomado do programa «Un mundo de palabras», da Radio Galega (12 de agosto do 2006). Nel descubriremos o virtuosismo culinario do dúo Mofa e Befa.
«Lombo do porco ó modo ostrogodo, con polbo, chocos, ollomol con noz, polo, ovos, todo con mosto», unha singular receita que entra a formar parte da nosa escolma de textos monovocálicos ou, en rigor, de textos bivocálicos, xa que nel alterna «o» aberto (porco, modo, polbo...) con «o» pechado (lombo, ostrogodo, polo...).
Esta coñecida parella cómica, formada polos actores Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, adaptou así para o seu espectáculo Cociña para chapantes algúns textos da autoría de Alfonso Álvarez Cáccamo (publicados inicialmente na desaparecída revista satírica Xó!). Agrupadas baixo o nome de «Cociña kakofónica», estas suculentas receitas contiñan un único ingrediente vocálico: «Percebes en prebe de esqueletes de reses», «Gran asada» e a anterior «Lombo do porco...». Nalgún sitio teño lido que, por aqueles días, os cómicos decidiran encerrar a Cáccamo ata que completase este «recetario do a-e-i-o-u» coas dúas últimas achegas: «Difícil Pil-Pil» e «Ñu cru». Que explotadores!
En fin, unha nova perla para o inventario de textos con vogal única que mestura, a partes iguais, gastronomía, humor e ludolingüística.
E só para ilustrar de forma cómica e musical esta entrada, aquí deixo o videoclip do tema «Ojo con los Orozco», do músico León Gieco. Todo un friki-hit arxentino dos anos 90 co mesmo espírito monovocálico en «o». Como gozo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario