O anagrama é o xogo que consiste na transposición das letras dunha ou de varias palabras co obxectivo de formar outras diferentes. Por exemplo: carbón – branco / setenta erros – terra sen tose.
A ilustración superior amosa, de forma gráfica, a formación dun dos anagramas literarios máis célebres dos últimos tempos. O antagonista de Harry Potter na súa saga é Lord Voldemort, cuxo verdadeiro nome é Tom Marvolo Riddle. O máis curioso é que este xogo anagramático debeu ser «retocado» nas diferentes traducións da novela. Como ben explican aquí, o enunciado «I am Lord Voldemort» varía en cada lingua e, daquela, tamén debía variar o nome orixinal do personaxe.
Inglés – I am Lord Voldemort – Tom Marvolo Riddle
Galego – Milord Voldemort – Tom Morlov Riddle
Castelán – Soy Lord Voldemort – Tom Sorvolo Ryddle
Francés – Je suis Voldemort – Tom Elvis Jedusor
Italiano – Son io Lord Voldemort – Tom Orvoloson Riddle
Anagramas e literatura viaxan da man desde hai moito tempo:
Disque os primeiros xogos deste tipo creounos Licofrón de Calcis, poeta e gramático de Alexandría, que lle dedicou ao rei Ptolemaios (Ptolomeo) o anagrama Apo melitos (‘que provén do mel’) e á raíña Arsinoe estoutro: Ion Eras (‘violenta de Xuno’).
O poeta surrealista francés André Breton criticou o apego aos cartos de Salvador Dalí cun corrosivo anagrama do seu nome: Ávida Dollars.
O nome de pía de Nélida Piñón, a consagrada escritora brasileira descendente de emigrantes galegos, é un anagrama do nome do seu avó Daniel.
O poemario Seraogna (1976), de Alfonso Pexegueiro, é un anagrama que agocha o topónimo Angoares (Ponteareas), lugar natal do autor.
Valentín Paz Andrade, homenaxeado hoxe 17 de maio, fixo un fermoso agasallo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao creando un enxeñoso e evocador anagrama co seu nome: Estrela zodiacal, guiador noso na fe.
E a lista segue e segue.
Se vos presta xogar a facer (ou resolver) anagramas, recomendo lapis e papel. Mais, en todo caso, como axuda, aquí deixo os enlaces de tres xeradores automáticos de anagramas: un en portugués, outro en castelán e outro en inglés. Por desgraza, de haber algún en galego, descoñézoo.
E finalmente, un reto: Podedes descubrir que nomes de escritores/as galegos encerran estes catro anagramas?
Virus alemán – ........................
Arlequín ou corvo – ........................
Salto de corsaria – ........................
Ser eu a morte – ........................
1 comentario:
Qué abraiante!!!
Publicar un comentario