Non hai moito falamos das mensaxes encriptadas. Pois ben, a casualidade quixo que unha noticia recente puxese este tema de plena actualidade. Nun surrealista episodio da vida política da Venezuela, Neptalí Segovia, veterano creador de encrucillados do diario Últimas Noticias, foi acusado de incluír nun dos seus pasatempos unha mensaxe coas indicacións para asasinar a Adán Chávez, o irmán do presidente Hugo Chávez.
Segovia, que o negou sorprendido, foi interrogado por axentes da intelixencia venezolana despois de que Miguel Pérez Pirela, presentador da televisión estatal VTV, lles revelase aos televidentes a «siniestra mensaxe oculta».
A medio camiño entre o complot, a brincadeira e a simple paranoia (e no contexto da campaña para as eleccións presidenciais do vindeiro outubro), esta noticia si lembra dous episodios históricos con mensaxes encriptadas en encrucillados.
O primeiro ocorreu durante a Segunda Guerra Mundial, en plena preparación do desembarco de Normandía. Casualmente, axentes do MIT (servizo de intelixencia británico) descubriron que o xornal The Daily Telegraph levaba días incluíndo no seu encrucillado diario diversas palabras que coincidían con nomes chave da invasión aliada, levada no máximo segredo: «Utah», «Omaha» ou «Gold» (praias elixidas para o desembarco), «Mulberry» (porto flotante para buques de suministro) ou mesmo «Overlord» (código que nomeaba toda a operación). Entre as forzas aliadas saltaron as alarmas, tanto que estiveron a piques de cancelar o desembarco. Os servizos secretos pescudaron a fondo ata descubrir que todo fora unha estraña coincidencia e que o autor dos encrucillados, un inofensivo mestre de 54 años, era completamente inocente de espionaxe.
A segunda anécdota é moito máis recente. Hai cousa dun ano, o dominical británico News of the World publicou a súa derradeira edición despois de 168 anos de historia. O magnate dos medios de comunicación e propietario do dominical, Rupert Murdoch, decidiu o peche da publicación por mor dun escándalo de escoitas telefónicas ilegais. O equipo do xornal decidiu vingarse da ex-directora Rebekah Brooks, tamén implicada no escándalo, deixando mensaxes ocultas nas definicións e nas solucións do derradeiro encrucillado. Nel podían lerse alusións directas como «unha muller admira o desastre», «cadea de gravacións», «empresa criminal», «fedor», «peste», o propio apelido «Brooks» e diversos insultos. Coméntase que a ex-directora encargou a altos directivos do dominical revisaren a fondo o último exemplar antes de publicalo, xa que sospeitaba que sería vítima dunha vingaza semellante, mais parece que pasaron por alto o encrucillado.
O certo é que resulta unha «idea inspiradora» a criptografía dos encrucillados. Así que, aí vai unha proposta lúdica: sempre que deades resolto algún encrucillado, tratade de descifrar nel «sospeitosas mensaxes ocultas». Aquí tedes xa un ;-).
Ningún comentario:
Publicar un comentario