Un pangrama (do grego pan- ‘totalidade’ e gramma
‘letra’) é un texto que emprega todas as letras do alfabeto dun idioma.
Nun inicio os pangramas tiñan un simple valor funcional: en caligrafía, para exercitar a escrita de todas as letras; en tipografía, para comprobar como «se comportan» nun texto as letras dunha determinada fonte; en mecanografía, para presionar a maior cantidade de puntos dun teclado... Polo que sei, un dos primeiros pangramas coñecidos é este latino: GAZA FREQUENS LYBICUM DUXIT KARTHAGO TRIUMPHUM (algo así como: «A riqueza de Libia levou moitas veces a Cartago ao triunfo»?), que contén todas as letras do alfabeto latino clásico e aparece xa en libros de caligrafía dos séculos XVII e XVIII.
Con todo, o certo é que hoxe a creación pangramas é unha das actividades máis populares e entretidas da ludolingüística. O seu valor como pasatempo definiuno ben o xenial Màrius Serra con estas palabras: «En sentido amplo, a maioría dos textos longos son pangramas, mais o seu interese é inversamente proporcional á súa lonxitude».
Aquí tedes algúns dos pangramas máis populares e breves de diferentes linguas (coa referencia dos seus alfabetos):
Inglés
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (26 letras)
The quick brown fox jumps over the lazy dog. (35 letras)
Castelán
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (27 letras)
El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi. (46 letras)
Portugués
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (26 letras)
Juiz faz com que whisky de malte baixe logo preço de venda. (47 letras)
En galego dei con algún pangrama na rede. Este, de Xabier Cid, foi o que me pareceu máis logrado:
Galego
A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, X, Z. (23 letras)
Necesitamos unha tipografía chuliña de cor kiwi, que lle zorregue unha labazada visual á xente. (79 letras, coas grafías J, K, W, Y)
Como me fervía o corpo, dediqueille un tempo a ensaiar outros pangramas, coa limitación das 23 letras do noso alfabeto. Aí van tres deles:
Aqueles chimpancés xogan outra vez coa fabada no baño. (45 letras)
O verdugo do bolxevique tomou pasta, unha noz e café. (42 letras)
Fíxate, o mesquiño bacharel pide vinganza. (35 letras)
Quen se anima a crear novos pangramas galegos? Ah!, e canto máis curtos mellor. Aquí deixo un xerador de pangramas que, malia partir do abecedario inglés, axuda tamén a crealos en galego.
Por certo, se cadra a alguén lle resultará familiar este texto:
Cando acordou, o dinosauro aínda estaba alí. (36 letras)
Non é un pangrama, senón a tradución dun dos microrrelatos máis célebres da literatura universal, do guatemalteco Augusto Monterroso. Seguro que algún dos vosos pangramas tamén se pode converter nun evocador microrrelato. Ánimo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario