O merliño naceu diferente: non negro coma o resto da familia, senón... branco! Que desilusión! Rexeitado polos seus pais, o pequeno merlo decide emprender unha viaxe na que vivirá unha chea de aventuras. A medida que vai atopando novos amigos, o merlo quere ser gaivota, cotorra, flamengo, pomba... Ata que finalmente todos descobren que o mellor para o merlo é ser, sen máis, un merlo (sexa cal for a súa cor). O merlo branco (1991), de Cándido Pazó, convértese así nunha fermosa defensa do respecto pola diferenza e pola pluralidade.
Nunha das súas divertidas escenas, o merlo branco atópase cunha cotorra de grande habilidade poética. Se o merlo quere ser cotorra, necesita aprender a súa arte e para isto intenta repetir, en balde, diversos trabalinguas. Aquí van algúns destes ditos, só aptos para os máis habilidosos ximnastas lingüísticos:
Varre a borralla, bérralle á burra e róuballe a barra.
Pirixel comín, pirixel ceei,
penso que estou empirixelado,
cando me desempirixelarei?
Dona Matígula
cortou un dégulo
cunha coitégula
de zapatégulo.
Botaba sángulo
pola ferígula,
colleuno tódulo,
fixo morcígulas.
Cala, Chuco, que canta o cuco,
canta pouco porque está rouco,
rouco larouco.
Pica, pinica,
cala, Marica, que canta a quica.
O merlo branco, unha das pezas máis lidas e representadas do noso teatro infantil nas últimas décadas, pasa a formar parte da nosa «bibliografía ludolingüística básica».
Por certo, aquí deixo un vídeo que demostra a destreza «trabalingüística» de Cándido Pazó. Alguén se atreve a descifralo e transcribilo?
Por certo, aquí deixo un vídeo que demostra a destreza «trabalingüística» de Cándido Pazó. Alguén se atreve a descifralo e transcribilo?
Solucións á análise dos chistes de Sabela Arias (20-6-2012): Prefixación: Des-espera / Paronimia: libros - libres / Polisemia: nova ‘que acaba de ser feita ou comprada’ - nova ‘noticia’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario