Como é sabido, o xogo pode ter dous ou máis participantes e consiste en ofrecer unha palabra que comece pola derradeira sílaba doutra proposta antes. O proceso repítese por quendas unha e outra vez. Por exemplo: xarope - pereira - raposo... E termina se un dos participantes é incapaz de ofrecer unha palabra nova ou se repite outra xa usada.
O vídeo que encabeza a entrada ten como fío condutor este divertido xogo e corresponde á campaña institucional En galego tes todo por vivir. Tócache! (2008). Esta incluía, ademais de publicidade en medios de comunicación, iniciativas como xogos ou concursos. Polo seu dinamismo, colorido e ton lúdico, este anuncio resulta, na miña opinión, un dos mellores das campañas a prol da normalización do galego.
Outra cousa é, como adoito se cuestionou, a oportunidade real destas macrocampañas, especialmente se despois se deixan morrer os seus dominos na rede, como podemos ver aquí ou aquí. Como ben di Carlos Callón, «sobra propaganda e faltan medidas» e os cartos estarían mellor investidos en accións máis concretas e efectivas: axudas á dobraxe, incentivos ás empresas que galeguicen a súa publicidade, elaboración de xoguetes en lingua galega, promoción de software en galego e unha chea de cousas máis.
En fin, quen se anima a transcribir todas as verbas encadeadas que se empregan no vídeo?
Ningún comentario:
Publicar un comentario