Uns meses antes, no xornal coruñés, comezara a publicar o seu encrucillado diario Darío Xohán Cabana. A casualidade quixo que, grazas a unhas mostras de pasatempos que eu enviara xusto nese tempo, Siro López, o ilustrador e humorista gráfico, me propuxese crear unha sección diaria de xeróglifos en galego.
Xeróglifos? Un diario? A verdade é que os xeróglifos nunca me entusiasmaran como pasatempo e pensei que facer só 30 para o primeiro mes ía ser misión imposible. Mais aquel rústico planeta Terra feito a man que encerraba a voz «NOTA» (Resposta: Enterrado / En Terra dó) acabou por se converter no primeiro dunha serie ininterrompida que axiña chegará aos nove mil.
Dos debuxos a man, letras adhesivas e textos escritos coa vella Olympia portátil, pasamos agora ao ordenador e ao quarkxpress. Con todo, a maxia destas «mensaxes cifradas» segue a ser a mesma. Unha maxia que intentarei trasladar en vindeiras entradas.
2 comentarios:
Noraboa por tan acertada decisión!!!!
Os proxectos hai que poñelos sempre en marcha para deixar sitio na cabeza para outros!!!!
Unha aperta enorme!!!
Graciñas, Susana.
Comer e rañar todo é empezar. E aquí estou, comezando a "rañar" nisto dos blogs.
Moitos bicos.
Seguimos en contacto.
Publicar un comentario